• A mostra componse de diferentes espazos interactivos de experimentación que permiten descubrir os segredos do gas e a electricidade.
  • A exposición é de acceso gratuíto e poderase visitar ata o 25 de novembro de 2018 na sede do Museo da Minería de Fontao.

O secretario xeral de Política lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; o xefe territorial da Consellaría de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial Santomé; xunto ao alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero e a directora de Educación e Patrimonio da Fundación Naturgy, Eva Buch, inauguraron hoxe a exposición “Xogas? Pensamos en enerxía!” na sede do Museo da Minería de Fontao, que se poderá visitar ata o próximo 25 de novembro.

A mostra expón, a través de espazos interactivos, os segredos do gas e da electricidade como fontes de enerxía, mediante divertidos e didácticos experimentos desenvolvidos pola Fundación Naturgy. A exposición, que é itinerante, xa puido visitarse no MUNCYT, na Coruña, na Casa da Ciencias de Logroño e en La Fábrica de Luz. Museo da Enerxía de Ponferrada.

“A exposición permite descubrir e experimentar a natureza, creación e a distribución da enerxía tan presente no noso día a día”, explica a directora de Educación e Patrimonio da Fundación Naturgy, Eva Buch. “Así mesmo, reflexiona sobre a forma na que se obtiña enerxía no pasado, e as ferramentas que actualmente se utilizan para a súa produción e consumo en fogares de forma eficiente”, explicou

Módulos interactivos

A mostra componse de módulos interactivos divididos en cinco seccións e temáticas: Electricamente sorprendidos (sobre a electricidade), Gasosamente atentos (para descubrir o gas natural), Comunícaste grazas á enerxía (sobre o son), Enerxía para vivir (sobre a enerxía térmica que desprende o corpo) e O Milagre da luminescencia (sobre o fenómeno da fosforescencia).

Os visitantes serán parte da exposición a través de actividades como debuxar usando a luz dunha interna nunha cámara completamente escura; comprobar que somos unha máquina térmica, a través dunha cámara que detecta a radiación infravermella que desprende o corpo; xerar electricidade para acender lámpadas a través dun coche accionado con pedais; ou xogar coas diferentes densidades e condutibilidade de materiais como un imán de neodimio e outros compostos.

Os visitantes poderán participar tamén en dous talleres gratuítos: “Toca, xoga e aprende” que se realizarán sábados alternos de 12.00 a 13.00 horas, e “Experimentos en familia”, que se desenvolverán tamén sábados alternos e todos os domingos en horario de 12.00 a 13.00 horas.

A Fundación Naturgy

A Fundación Naturgy, fundada no ano 1992 por Naturgy, ten como misión a difusión, formación, información e sensibilización da sociedade en temas de enerxía e medio ambiente. Tamén desenvolve programas de Acción Social tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética. No ámbito cultural, promove accións orientadas tanto á preservación e difusión do patrimonio histórico do sector do gas e a electricidade.

 

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2018.

Imaxes