• Durante o seu primeiro ano de colaboración, ambas as dúas entidades atenderon a máis de 7.000 persoas en risco de vulnerabilidade, a través de 300 proxectos relacionados con eficiencia enerxética.
  • Coa renovación do convenio, a Fundación Naturgy e Cáritas reforzan a súa alianza estratéxica e amplían a súa colaboración co Programa Emprego Social e Eficiencia enerxética dirixido a formar persoas desempregadas para a rehabilitación de vivendas vulnerables.
  • Como actividade complementaria aos proxectos, incorporarase a exposición itinerante da Fundación Naturgy, Energytruck, un gran camión sostible que alberga unha exposición móbil sobre o uso responsable de enerxía.

O vicepresidente da Fundación Naturgy e director xeral de Comunicación e Relacións Institucionais da compañía enerxética, Jordi Garcia Tabernero; o presidente de Cáritas, Manuel Bretón; e o director xeral da Fundación, Martí Solà, renovaron hoxe o convenio de colaboración para axudar aos colectivos en risco de vulnerabilidade enerxética en España.

“Neste primeiro ano de convenio, a Fundación e Cáritas atenderon a máis de 7.000 persoas en situación de vulnerabilidade, atendendo principalmente ao fortalecemento e integración das familias con situacións máis complexas”, apuntou o presidente de Cáritas, Manuel Bretón. Esta iniciativa desenvolveuse a través de 300 proxectos sobre eficiencia enerxética que puxeron en marcha ambas as dúas entidades, relacionados con melloras de instalacións eléctricas, sistemas de calefacción, cerramentos e illamentos, e iluminación.

O vicepresidente da Fundación Naturgy, Jordi Garcia Tabernero, afirmou que "a loita para paliar a vulnerabilidade enerxética require da colaboración conxunta das administracións, sociedade e empresas enerxéticas”. E recordou o balance do Plan de Vulnerabilidade da compañía que “durante o primeiro ano de funcionamento do Plan garantiu a subministración a máis de 30.000 familias en toda España”.

Novos proxectos no convenio

A renovación do convenio da Fundación Naturgy con Cáritas inclúe novas liñas de actuación, como é a incorporación do programa Emprego Social e Eficiencia enerxética dirixido a persoas en situación de desemprego. A través deste proxecto, os participantes recibirán formación sobre asesoramento enerxético e rehabilitación de vivendas, co obxectivo de levar a cabo a mellora das condicións enerxéticas en fogares de familias vulnerables.

Outra das iniciativas que se inclúen no novo convenio é o desenvolvemento de programas de voluntariado corporativo para a atención de familias vulnerables e a incorporación de talleres sobre asesoramento enerxético en centros de Cáritas.

Para complementar as novas liñas de traballo, incorporarase a exposición itinerante, Energytruck, un gran camión sostible que alberga unha exposición móbil sobre o uso eficiente da enerxía e a preservación do medio ambiente.

Primeiro ano de asesoramento enerxético a familias

Grazas ao convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades, en 2017 atendéronse máis de 7.000 familias en situación de vulnerabilidade para ofrecerlles asesoramento sobre o uso responsable da enerxía e adecuación do consumo de subministracións das súas vivendas.

Ambas as dúas entidades organizaron talleres de formación enerxética, impulsados pola Escola de Enerxía da Fundación, para abordar aspectos relacionados coa contratación da potencia adecuada nas facturas, así como os trámites para solicitar o bono social.

Plan de vulnerabilidade enerxética

O Plan de vulnerabilidade enerxética de NATURGY é o primeiro desenvolvido por unha empresa enerxética española. O programa inclúe máis de 20 medidas, tanto operativas coma sociais, que teñen como obxectivo reforzar e sistematizar a xestión dos clientes vulnerables e fortalecer a colaboración coas entidades do terceiro sector e a comunicación cos Servizos Sociais. En total, supón un investimento de 4,5 millóns de euros anuais.

Cáritas

Cáritas Española ten por obxecto a realización da acción caritativa e social da Igrexa Católica en España, a través da comunidade cristiá co fin de promover e coordinar a comunicación cristiá de bens en todas as súas formas, e de axudar á promoción humana e ao desenvolvemento integral de todas as persoas. Con esta finalidade promove, anima e coordina as iniciativas de carácter asistencial, promoción integral da persoa e de denuncia profética.

A Fundación Naturgy

A Fundación Naturgy, fundada en 1992 pola compañía enerxética, ten como misión a difusión, formación, información e sensibilización da sociedade en temas de enerxía e medio ambiente. Tamén desenvolve programas de Acción Social tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética. No ámbito cultural, promove accións orientadas tanto á preservación e difusión do patrimonio histórico do sector do gas e a electricidade. 

Madrid, 19 de xullo de 2018.

Imaxes

O presidente de Cáritas, Manuel Bretón, o vicepresidente da Fundación Naturgy e director xeral de Comunicación e Relacións Institucionais da compañía enerxética, Jordi Garcia Tabernero, e o director xeral da Fundación, Martí Solà.